Thursday 02 de May de 2024

As probas deportivas da cidade consolídanse como citas ineludibles do calendario nacional


O Gran Premio Internacional Cantóns da Coruña, coas súas 28 edicións, segue ocupando o número 1 da súa categoría

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, destaca que as principais probas deportivas de atletismo da cidade se están a consolidar no panorama nacional convertendo á Coruña nun referente para os deportistas e nunha cita ineludible, tal e como reflicte a clasificación da Real Federación Española de Atletismo.
O Gran Premio Internacional Cantóns da Coruña, segue sendo, como en anos anteriores, o número 1 de entre 5, porque non hai ningunha outra proba desta categoría en España. En 2014, cumpriu a súa 28ª edición con marchadores de 28 países diferentes.
Pola súa banda, Coruña10 (que conseguiu entrar no ránking o pasado ano no posto 20º) pasou a ocupar en 2014 a 12ª posición;Coruña 21 (que tampouco aparecía nas clasificacións ata o ano pasado) pasou do posto 20º ao 6º; mentres Coruña 42 se mantén na 7ª praza.
Estas clasificacións teñen un gran mérito xa que un dos factores que se teñen en conta son a antigüidade no calendario nacional -algo no que a cidade puntúa baixo xa que Coruña10 suma 8 edicións, Coruña21 un total de 6 e Coruña42 cumpriu 3-. Os outros factores que inflúen, e nos que A Coruña destaca, son a capacidade organizativa, o nivel dos atletas que compiten en cada cita, o número de participantes ou o nivel deportivo da competición.
Neste sentido, dende a área de deportes apostouse, nos últimos anos, por mellorar cada unha das citas deportivas e por organizar eventos que sexan sostibles e impliquen a participación de toda a cidadanía. Dende a primeira cita de cada unha destas probas, logrouse incrementar o número de participantes: Coruña10 logrou multiplicar por 18 o número de inscritos, mentres que Coruña 21 os duplicou, e Coruña 42 se mantén nunha media de 2.000 participantes.